O Ensanche
Neste club tes a oportunidade entrar no teatro de forma práctica. Propoñémoste participar semanalmente nun obradoiro onde aprenderás a moverte nun escenario e a interpretar.
Ademais poderás coñecer outras disciplinas das artes escénicas da man de profesionais.
O club de teatro está dirixido a persoas que desexen iniciarse no teatro e gozar del coma actividade lúdica. As sesións son conducidas por Antón Ferrari: actor, director e pedagogo teatral con 25 anos de experiencia profesional.
O club é un medio participativo onde teñen cabida as ideas e aportacións dos participantes ao longo do curso, polo que unha parte importante da súa actividade vai marcada polo ritmo do propio grupo, o interese e esforzo de cada participante.
O Obradorio de Arte Teatral. Contidos e metodoloxía.
O Obradoiro de Arte Teatral é o centro da vida do Club e a orixe e sustento de todas as demáis actividades que o integran.
A formación no Obradoiro pasa polas seguintes áreas:
-Traballo corporal e vogal
-Movemento escénico
-Intuición e imaxinación creadoras
-Improvisación
-O texto teatral
-A personaxe
-A posta en escena
Ao traballo sobre estas materias, que se desenvolven ao longo do curso segundo as necesidades dos alumnos e o criterio do profesor, súmanse as aportacións doutras sub-materias, destrezas e disciplinas artísticas de importancia no momento da creación. Asi pode darse o traballo sobre o verso e a poesía, a danza e a coreografia, o canto e o musical, a loita escénica e as armas, a dirección de escena, a maquillaxe e a caracterización, a escenografia, etc. Estas disciplinas e outras poden ser impartidas no propio Obradoiro de Arte Teatral ou en obradoiros monográficos creados para esta finalidade específica de formación complementaria.
A iniciativa persoal e a orixinalidade son obxectivos primordiais na formación teatral.
No Obradoiro de Arte Teatral traballamos individualmente ou en grupos reducidos que escollen, adaptan e montan escenas de obras teatrais ou pequenas historias de diferentes xéneros e procedencias (cine, narrativa, poesía, comic, etc), ou tamén creadas polos propios participantes.
Os alumnos solicitarán horarios no propio centro para os ensaios das súas postas en escena, que serán revisadas e dirixidas posteriormente polo profesor nas sesións do Obradoiro
Os proxectos rematados poden ser presentados ao público en intervencións puntuais ao longo do ano, e tamén nun espectáculo-mostra de fin de curso. Isto estará condicionado pola dinámica do grupo e o compromiso dos membros que o compoñen.
Os obradoiros monográficos
Son talleres impartidos por especialistas en diversas disciplinas relacionadas coas artes escénicas. Son un complemento idóneo para a formación e o coñecemento.
Teñen un coste adicional e a súa realización depende de que as prazas ofertadas sexan cubertas.
Abertos ao público en xeral, tamén son unha ventá de aproximación para as persoas alleas ao Club.
Foro do Club de Teatro
Unha aula virtual de arte teatral onde o profesor responde as preguntas dos alumnos, amplía os conceptos traballados nas sesións e aborda con rigor cuestións da arte e dos artistas que poden escapar ao tempo limitado do Obradoiro de Arte Teatral.
Un foro para o pensamento e a reflexión, a relación e o debate cultural e artístico.
Comentarios: 12€ curso completo
NUMERO DE PRAZAS: 15 (10 libres e 5 de continuidade para os participantes do ano anterior)
DURACIÓN: de outubro 2012 a xuño 2013
Horario: Luns de 19:30 a 21:30h.
Lugar: Sala de usos múltiples
-
Ficha de inscrición
«
Actividades