Presentación “A Memoria da Xente”

A exposición A Memoria da Xente nace como iniciativa que quere pousarse, desde a lembranza e a participación dos propios veciños, no fío do tempo da nosa cidade e das nosas parroquias, con obxectivo de mirar desde o agora a intrahistoria e o latexo cotián dunha terra (Santiago de Compostela) e dun tempo (1900-1975) que sentimos perto da nosa circunstancial, que entendemos que nos axuda, no presente, a saber quen somos e de onde vimos.

Non tería sentido, por inabarcábel, pretender recoller nela de xeito exhaustivo a memoria coral de cada época, parroquia, barrio. Pola natureza do seu contido, necesariamente esta exposición só pode comprenderse como punto de partida, como inicio dun proceso aberto que debe ser – e estamos seguro que o será – enriquecido polas achegas, comentarios, lembranzas, documentos e imaxes dos que en cada lugar a visiten. Coa exposición A Memoria da Xente preténdese, en definitiva, non ofrecer unha mostra pechada do que algún día fomos senón, moi pola contra, servir de incitación suxerinte, de convite amábel a un exercicio – obrigatoriamente colectivo e máis amplo no tempo e no espazo – de achegamento á memoria das xentes de Compostela.

As persoas que habitan a cidade, os oficios, os costumes e as tradicións, o urbanismo, os xeitos e maneiras de festexar, o activismo social, cultural e deportivo, os ritos … están nela presentes a través de sete paneis divulgativos, tres audiovisuais e un intenso programa de actividades socioculturais complementarias, que serán programadas ao longo do 2011.

A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais quere agradecer a súa amabilidade, atención e colaboración a todas as persoas que dunha ou doutra forma fixeron posíbel a exposición A Memoria da Xente, e dun xeito especial a todas aquelas que aparecen nos diferentes vídeos desta mostra, por nos achegar desinteresadamente o tesouro da testemuña directa da súa memoria.

Blog

A memoria silenciada

Con este programa buscamos darlle voz aos composteláns e compostelás que sufriron represión; dignificalos e honralos, restituír os seus nomes; lembrar as súas historias salvándoas do esquecemento nunha historia manipulada polos vencedores.


Ver máis entradas...

Programación

Imaxes recollidas en...

ACTUALMENTE EN: